Abril 2009


Andrea García. Santiago

O futuro do xornalismo está sempre sometido a debate. Calquera pode ser xornalista? Desaparecerá a prensa escrita? Debe impórse o estético sobre o contido? Estas e outras cuestións actuais en comunicación centraron a semana de debates sobre información para os alumnos da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Todo isto nunha semana na que o Estudo General de Medios (EGM) deu a coñecer os datos de publicación, penetración e influencia dos medios no último trimestre.

“Somos a última xeración que consumirá os xornais en papel”, asegura un dos debatentes, de 22 anos. O auditorio responde con expresións de sorpresa á contundente afirmación, como negándose a crer o que escoitan. “No 2043, segundo sosteñen algúns informes sobre o tema, xa non quedarán medios escritos nos kioskos, agás semanais e outras revistas de temas específicos, pero os xornais de información xeral xa terán desaparecido”, engade outro compañeiro. No bando contrario, un dos participantes sostén que “prensa escrita e prensa electrónica poderán convivir sempre dun xeito pacífico”.

Os datos do EGM emitidos esta semana falan por si mesmos. Só os xornais deportivos resisten o tirón da crise e o auxe dos medios electrónicos; o resto vense arrastrados polas circunstancias. No estudo, a penetración da prensa baixa 0,5 puntos (do 42,1 ao 41,6%), mentres que Internet aumenta do 29,9 ao 31,7%. Se continúa a tendencia, en 2013 a penetración nos medios escritos e electrónicos equipararase. A supervivencia da prensa escrita é polo de agora unha incógnita.

Os cidadáns, novos xornalistas

Outra das grandes cuestións do xornalismo reside en quen debe exercer o dereito a informar. Os medios de comunicación son reticentes a permitir a colaboración dos cidadáns nas súas noticias de cabeceira. Aínda así, medios como El País están a ofrecer medios para que os usuarios escriban as súas noticias (Yo, periodista).

“Calquera cidadán está capacitado para escribir e ofrecer unha noticia aínda que non dispoña de estudos propios do xornalista”, afirma un dos participantes no debate sobre Xornalismo Cidadán. Porén, non todos parecen de acordo. Outro dos contertulios sostén que “sería unha temeridade deixar que calquera puidese exercer o dereito a informar; ese traballo debe estar en mans dos profesionais, que dispoñen das ferramentas para poder trasladar a información aos usuarios”.

Tampouco escaparon á opinión dos alumnos as novas aplicacións para Internet, como os vídeos, os podcasts ou os widgets. Mentres que uns dos participantes no debate da Facultade sosteñen que “as aplicacións en Internet ofrecen ao usuario millóns de posibilidades de manterse informado”, outros afirman que “só serven para distraer ao lector e impedirlle ver que a información está falta de contido”.

Os futuros xornalistan falaron. Agora o tempo decidirá.

David contra Goliat, por Andrea García

Los cambios de la supervivencia, por Rebeca Castiñeira

newspapers1Andrea García

Radio, televisión… A prensa escrita sobreviviu a todos os avances tecnolóxicos que se lle foron presentando polo camiño, e Internet non vai ser menos. Sempre estará presente o eterno debate sobre a supervivencia dos medios en papel, pero a realidade é que siguen aí, facendo fronte a novos formatos e novos medios.

Os últimos informes do EGM non auguran un futuro prometedor para os xornais en papel; cada vez, Internet está máis preto de achegarse a eles en número de usuarios. Porén, a televisión e a radio posúen o cuádruple e o triple de seguidores e ninguén cuestionou ata o momento a desaparición da prensa.

A Rede é un rival forte. É unha loita de David contra Goliat. Un novo medio co que competir. Pero a convivencia pacífica é posible. Nin os xornais electrónicos nin as bitácoras/blogs poderán igualar nunca a agradable sensación de ter a información nas nosas mans, para manexar ao noso antollo; de non depender nin de corrente, nin de baterías, nin de erros de conexión. Só por iso, a prensa ten o futuro case asegurado.