Pontevedra xa se atopa disposta a acoller a proba da Copa de Europa de Triatlón, que se celebrará o próximo sábado 19 de abril. A comparecencia deixou como principal novidade a confirmación da participación do ferrolán Javier Gómez Noya, actual campión da Copa do Mundo, e da súa homóloga feminina, a portuguesa Vanessa Fernandes. Tamén estarán representando á selección galega Alberto Trillo, Jesús Gomar, Saleta Castro, Aida Valiño e Alba Cuba Dorado, entre outros.

Vieiros

A Directora Xeral para o Deporte, Marta Souto, acompañada por Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, e Francisco Villanueva, presidente da Federación Galega de Triatlón (FEGATRI), presentaron onte as novidades desta edición.

Souto expresou o desexo de que “o día 19 de abril sexa o día grande do triatlón galego nun escenario espectacular como é o casco histórico de Pontevedra”, e agarda que se poida “gozar” dun gran espectáculo no que os participantes galegos poidan facer unha boa actuación. Ademais, Francisco Villanueva, presidente da FEGATRI, asegurou que o campionato chega nun “bo momento deportivo para a federación”, xa que o pasado día 31 de marzo a selección galega acadou o título de campiona de España de Duatlón por autonomías por terceiro ano consecutivo.

A proba servirá para a clasificación do Campionato de Europa, que se celebra o 4 de maio en Lisboa. Deste xeito, Pontevedra convértese na primeira cidade galega e na terceira española en albergar unha proba da copa europea.

Ademais, a Federación Española de Triatlón presentou o día 3 de marzo un vídeo na Gala do Triatlón Español no que presentaba a tódolos representantes nacionais que asistirán á proba, entre eles, Javier Gómez Noya, que aínda non confirmara a súa presenza:

Percorrido ‘perfecto’ para Gómez Noya

A proba, que se desenvolverá no entorno urbano do río Lérez, constará de 1,5 kms de natación, 40 de ciclismo e 10 de carreira a pé, a chamada ‘distancia olímpica’. O percorrido beneficia, sen dúbida, ao triatleta galego, que é un experto en natación, pero que baixa o ritmo no ciclismo. A carreira en bicicleta é totalmente chan, sen subidas nin baixadas acusadas, polo que Gómez Noya dispón dunha oportunidade de ouro para sumar puntos para coroarse campión de Europa.

Para os interesados en asistir á proba, a páxina web da Copa de Europa de Triatlón de Pontevedra ofrece información sobre como chegar e onde aloxarse na cidade do Lérez.